Convocatoria AXUDAS RETO GALICIA-TOKYO CON IGUALDADE 2021

Nota da Fundación Deporte Galego para os deportistas que participarán nos XX.OO. de Tokio:

Estimado/a deportista:

A través deste correo confirmámosche que a Fundación Deporte Galego ven de publicar hoxe, xoves 1 de xullo, no Diario Oficial de Galicia o anuncio da Convocatoria de Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel que participarán nos XXOO/PP Tokyo 2020, baixo a denominación Convocatoria AXUDAS RETO GALICIA-TOKYO CON IGUALDADE 2021, e que se enmarca no plan de axudas á preparación dos/as deportistas galegos/as de alto nivel. Este plan é unha actuación máis na liña de apoiarte para que sigas mellorando o teu rendemento deportivo e co que pretendemos axudarte na túa dedicación ao deporte de alto nivel en xeral e á competición olímpica/paralímpica, en particular.

Esta convocatoria conta nesta ocasión con catro tipos de axudas: Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokio 1, Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokio 2, Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokio 3, Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokio D.A.,que serán asignadas en base a túa participación e resultados en anteriores edicións dos Xogos Olímpicos/Paralímpicos.

As devanditas bases desta convocatoria están á vosa disposición na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e na web http://deporte.xunta.gal dende hoxe (tamén as podes revisar en formato PDF neste mesmo correo). A destacar, en todo caso, que o prazo de presentación de solicitudes comeza mañá venres 2 de xullo e rematará o vindeiro 30 de setembro de 2021.

Recordámosvos ademais que poderedes:

  • Solicitar axuda todos/as aqueles/as deportistas que esteadesincluídos/as na listaxe definitiva de convocados/convocatoria oficial definitiva para os XXOO/XXPP de Tokyo 2020.

  • Cursar a solicitude de axuda de forma telemática, ademais de manter a liña tradicional de presentación presencial en formato papel. Teredes á vosadisposición os formularios normalizados (anexos I e II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Poderedes utilizar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da propia Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365), habilitándose un enlace na Guía de procedementos e servizos co código DE100A (que estará dispoñible a partir de mañá, venres 2 de xullo).

  • Presentar a solicitude en formato papel en calquera rexistro oficial polo que se poida achegar documentación ás Administración Públicas, tal e como se indica no apartado 5 das bases. No caso de efectuar a presentación da solicitude nun rexistro oficial diferente ao propio da Fundación Deporte Galego, as persoas deportistas solicitantes veranse obrigadas a comunicalo no mesmo día por correo electrónico ao enderezo da Fundación (fundaciondeportegalego.pr@xunta.gal), remitindo anexa a propia solicitude e a xustificación de presentación ou imposición, no que deberá figurar a correspondente data. O incumprimento do disposto no presente parágrafo implicará que, para todos os efectos, a Fundación considerará presentada a solicitude na data en que sexa efectivamente recibida no Rexistro da Fundación Deporte Galega.

  • Remitirnos cuberto o anexo I de Solicitude, o anexo II Certificado da federación (a cubrir e asinar pola federación deportiva galega ou española da vosa modalidade) e, se fora o caso, o anexo III de Autorización de representación (menores de idade ou outros casos de representación legal).

No caso de ser beneficiario/a final dunha Axuda Reto Galicia-Tokyo con Igualdade 2021, dende a Fundación Deporte Galego pedirémosvos a vosa disposición para:

  • Participar nas actividades de difusión co fin de demostrar o grao de aproveitamento destas axudas, así como nas actividades de promoción do deporte que poida programar a Secretaría Xeral para o Deporte, a Fundación Deporte Galego e/ou os seus patrocinadores e/ou entes colaboradores.

  • Colaborar coa Secretaría Xeral de Igualdade na promoción do programa “Reto 365 pola Igualdade” e participar nun acto organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte-Fundación Deporte Galego para a difusión do citado programa.

Para calquera dúbida, podes contactar co técnico deportivo responsable desta convocatoria, Luciano Díaz Martínez, no teléfono 881.996.375 ou no correo electrónico: luciano.diaz.martinez@xunta.gal

Finalmente, quixera aproveitar este correo para felicitarte polos logros acadados grazas ao teu esforzo diario.

Sen outro particular, recibe un cordial saúdo.

José Ramón Lete Lasa

Presidente da Fundación Deporte Galego